O Club Voleibol Noia
A nosa historia
O Club Voleibol Noia constitúese como asociación deportiva o 20 de outubro de 1990. A súa primeira tempada como equipo federado, a 91/92, arrincou cun único equipo: o sénior masculino, que debutou na liga de 2ª División B.
Na campaña seguinte, a 92/93, o sénior masculino xa contaba cunha praza en Segunda División, e sumáronse os primeiros equipos cadetes —masculino e feminino— e xuvenís, tamén en ambas categorías.
As escolas foron collendo peso pouco a pouco, en número de xogadores e de equipos, e na tempada 95/96 debutou en competición o primeiro sénior feminino, que arrincou tamén na 2ª División B.
A tempada seguinte, no 97, o sénior masculino clasificouse para a fase de ascenso a Primeira División Nacional, disputada en Sestao (Bilbao). Ese mesmo ano, froito do bo traballo nas categorías inferiores, o xuvenil masculino proclamouse campión galego e participou no Campionato Intersector de España, en Xixón (Asturias).
Nos anos seguintes as escolas seguirían dando alegrías, con varios títulos galegos nas categorías xuvenil e cadete masculina.

No 2001, tras catro intentos consecutivos, chegou o ascenso a Primeira División Nacional: todo un logro para un club que só tiña dez anos de vida e que competiría, desde entón, contra rivais de grandes cidades como Bilbao, Oviedo, León ou Santander.
Tras levar o nome de Noia por todo o norte de España, o club víuse obrigado a ceder a súa praza en Primeira División. Foron momentos duros que non fixeron máis que aumentar as ganas de recuperala.
E así foi: no 2005 chegou un novo ascenso a Primeira División Nacional, esta vez da man do equipo feminino.
Os logros seguirían chegando pouco a pouco: en 2008 o sénior feminino clasificouse por primeira vez na súa historia para a fase de ascenso á Liga FEV, en Murcia; o sénior masculino tamén se clasificou para a fase de ascenso a Primeira División, en Vigo; e o xuvenil volveu loitar polo Intersector Nacional, na liguiña final do Campionato Galego disputada en Lugo.
Así, o club foi crecendo ata contar, hoxe en día, con equipos en todas as categorías, poñendo o foco nas canteiras que preparan o regreso ao máximo nivel. Ademais de manter equipos sénior en 2ª B —como lanzadeira para os máis novos—, na tempada 2010/2011 o equipo dese grupo proclamouse campión de liga, invicto durante toda a tempada.

Na 2013/2014 o sénior masculino conquistou o título de Segunda División e proclamouse campión galego, o que lle deu acceso á 1ª División Nacional. Dúas tempadas despois repetiría o título autonómico de xeito solvente, afianzando o proxecto.
A sección feminina ten hoxe unha grande importancia na entidade, con equipos desde benxamíns ata sénior, sendo este último fixo na 1ª División Galega nos últimos anos.
Os éxitos non se limitaron ao ámbito federado por equipos: varios xogadores e xogadoras formaron parte da Selección Galega de Voleibol —en 1997 boa parte da selección era do club— e en 1998 un xogador foi convocado pola Selección Española de Vólei Praia.
Precisamente no vólei praia o club deu boa mostra do seu nivel: xogadores como Germán Romero, Agustín Mourís ou Pablo Agraso gañaron o campionato galego en varios anos e competiron no Circuíto Nacional de Vólei Praia.
Entre outros fitos destacan a organización da fase final da Copa Galicia en 1996, retransmitida pola canle autonómica; o Máster de Vólei Praia nos anos 2006 e 2007, un evento único no panorama nacional; o encontro amigable en 2008 do equipo local coa Selección Nacional de Voleibol; e varias concentracións e amistosos da selección absoluta feminina na vila.
Hoxe, o club vive o seu mellor momento a nivel social, con máis de 150 fichas desde benxamín ata sénior.

Documental: Historias do CV Noia
Momentos da nosa historia
Palmarés e recoñecementos
- 1991
Fundación do Club Voleibol Noia
- 1997
Fase de ascenso a Primeira División Nacional
- 2001
Ascenso a Primeira División Nacional co sénior masculino
- 2005
Ascenso a Primeira División Nacional co sénior feminino
- 2008
Fase de ascenso á Liga FEV co sénior feminino
- 2013/2014
Título galego de Segunda División
- Actualidade
Máis de 150 fichas e dous equipos sénior na 1ª División Galega
Os nosos valores
Formación e valores por riba do resultado
Club de canteira, con equipos en todas as categorías inferiores
Escolas deportivas e organizador das xornadas XOGADE
Compromiso coa vila de Noia e coa comunidade local







