web · comunicacións
Nova páxina web do club

A nova páxina web do Club Voleibol Noia xa está en marcha! Coincidindo co arranque da tempada 2026-2027, o club estrea un sitio completamente renovado, pensado para ser o punto de referencia dixital de toda a familia voleibolista noiesa: xogadoras e xogadores, familias, socias e socios, patrocinadores e afeccionados en xeral.
O novo deseño busca reflectir o espírito do club: unha identidade visual propia, con fotografías reais dos nosos equipos e instalacións, e un estilo próximo e coidado que dea protagonismo á historia e ás persoas que formaron o Club Voleibol Noia dende a súa fundación en 1991.
Na sección "O Club" pódese percorrer esa historia completa, coñecer os valores do club, a xunta directiva e o palmarés acadado ao longo de máis de tres décadas. Tamén se recolle toda a información sobre as categorías, dende prebenxamín ata sénior, e sobre como formar parte do club, xa sexa como xogador ou xogadora ou facéndose socio ou socia.
A web inclúe ademais unha nova sección de retransmisións, dende onde se poderán seguir en directo os partidos e eventos que o club emita a través do seu canal de YouTube, así como unha hemeroteca de noticias que se irá actualizando coas novidades do club ao longo da tempada.
O sitio está dispoñible en galego e castelán, e seguirá medrando nas próximas semanas con novos contidos. Dende o club queremos agradecer a todas as persoas que fixeron posible este proxecto, e convidarvos a explorar a nova web e seguir de preto todo o que está por vir esta tempada.
Máis noticias
Arranca a Liga de Apertura: infantís e xuvenís xogan este sábado
O noso xuvenil visita o Ribeira Sacra ás 12:00 e o infantil xoga na pista do Xuvenil de Teis ás 17:30.
Ler máis
Primeiro partido da tempada para as nosas cadetes
Primeiro partido das nosas xogadoras cadetes nesta nova tempada.
Ler máis
Xornada de portas abertas: Proba o volei con nós!
O club abre as portas do pavillón Alonso Rodríguez o xoves 3 de setembro para que calquera interesado poida probar o deporte e vivir un adestramento do CV Noia dende dentro.
Ler máis